COFRADÍA DE

PESCADORES

DE VIGO

Novas

A Confraría de Pescadores de Vigo aposta pola continuidade da Lonxa de Canido

A Xunta Directiva, os socios e socias da confraría e a veciñanza quere recuperar a Lonxa de Canido para dar continuidade as actividades propias da pesca e o marisqueo que realizan os barcos da Confraría de Vigo e doutras confrarías da Ría de Vigo.

O porto e lonxa de Canido contan con máis de 60 anos de historia e forman parte da vida e obra dos veciños de San Miguel de Oia e do pasado e presente mariñeiro do Concello de Vigo.

Nos últimos anos, como concesión outorgada a Confraría de Pescadores de Vigo, esta lonxa proporcionaba servizos básicos para o sector, como son o punto de control do plans de xestión de recursos marisqueiros, un lugar de descarga e rexistro das capturas das embarcacións de artes menores e un punto de venda dos peixes e mariscos frescos da Ría de Vigo. O volume total das vendas ronda as 70 toneladas por ano cun volume de facturación en alza.

Unha ducia de barcos empregan o porto de Canido practicamente todo o ano e durante a campaña de marisqueo no banco de Toralla chega a duplicarse esta cifra debido aos barcos procedentes doutros portos da Ría que veñen descargar a Canido.

O derrube de parte do edificio da lonxa o pasado mes de febreiro será un punto e seguido no devenir deste porto pesqueiro, o único de competencia autonómica na marxe sur da Ría de Vigo. Pero lonxe de supoñer una perda temos que afrontar a nova situación coma una oportunidade para adaptarnos aos novos tempos e dotar o porto dunha lonxa moderna e actualizada que responda as necesidades dos usuarios e dos veciños e veciñas.

Dende o primeiro momento houbo comunicación con todas as administracións públicas co fin de voltar a normalidade canto antes. A semana pasada reuníronse os máximos responsables do pósito vigués e de Portos de Galicia, ente adscrito a Consellería do Mar e responsable do porto de Canido. Da boa sintonía entre os representantes de ambas entidades xurdiu o compromiso de dar solución o futuro desta lonxa e dotar á pesca local dunha infraestrutura moderna que ofreza un espazo adaptado ás necesidades do traballo no mar.

Coñecedores das dificultades pero tamén dos grandes beneficios que unha nova lonxa vai aportar a toda a sociedade, dende a Confraría de Pescadores confiamos na boa xestión da Xunta de Galicia, por medio da Consellería do Mar e Portos de Galicia, en prol dunha solución de consenso e duradeira.

Descargar Nota de prensa 2019-09-18