COFRADÍA DE

PESCADORES

DE VIGO

Novas

Aumento do furtivismo nos bancos marisqueiros de Vigo

Os socios/as e persoal propio da Confraría de Pescadores de Vigo temos constatado un repunte do furtivismo nos bancos marisqueiros e zonas de pesca incluídas no ámbito de explotación da nosa confraría. Basta con remitirnos as novas recentes aparecidas en medios de comunicación local relacionadas co furtivismo en Vigo e contorna.

Se ben a detección destes casos de furtivismo é debido en parte ao maior control e vixilancia da costa, consideramos que se debe tamén ao relativo bo estado destes bancos. As socias/os da Confraría de Vigo apostan pola conservación e por unha explotación sostible dos bancos marisqueiros, que resulta perniciosamente nun estímulo para a actividade ilegal. Como exemplo, o caso do ourizo, que foi aumentando a súa demanda e valor no mercado nos últimos anos, pasando de ser un recurso infravalorado no noso litoral a ser, a día de hoxe, moi cobizado.

Son precisamente as zonas de cría e crecemento de ourizo de mar as máis castigadas neste últimos meses pola pesca ilegal. Persoas e grupos organizados, actúan tanto por mar coma por terra, na procura de ourizos que extraen irregularmente e venden sen declarar.

O furtivismo non só ten efectos negativos sobre os pescadores condicionando a sostibilidade dos seus recursos e mirrando os seus ingresos; se non que tamén supón un risco para a saúde dos consumidores pois coloca no mercado peixe e marisco sen garantías. Ademais, xera conflitividade e relacións laborais inxustas propias da economía somerxida.

É a nosa intención continuar a mellorar a vixilancia e salvagarda dos recursos pesqueiros e marisqueiros. Apelamos ao resto de axentes implicados a que colaboren na redución do problema, á comunidade pesqueira a que non ampare ou encubra as malas prácticas dos profesionais do mar, aos comerciantes a que non merquen nin branquen as capturas dos furtivos e aos consumidores a que esixan garantías da procedencia legal dos produtos do mar.

Valoramos positivamente o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade, en especial da Policía Autonómica e do Servizo de Gardacostas de Galicia, e agardamos que continúen e reforcen as súas actuacións. Contan co todo o noso apoio e colaboración para atallar e erradicar a lacra do furtivismo e as malas practicas do sector pesqueiro.

Descargar Nota de prensa 2020-01-27