COFRADÍA DE

PESCADORES

DE VIGO

Novas

Recollida de residuos mariños pola Confraría de Vigo

A Confraría de Pescadores de Vigo participa no Plan MarLimpo desenvolvendo o proxecto “Recollida de residuos mariños no ámbito da Confraría de Pescadores de Vigo”.

Trátase dun proxecto colectivo para a protección e recuperación da biodiversidade dos ecosistemas mariños no marco de actividades económicas sustentables mediante a recollida de residuos mariños. O Plan Marlimpo promovido pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia e financiado nun 75% polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

O obxectivo deste plan é acadar unha redución significante do lixo mariño nas costas galegas e as súas actuacións enfócanse en varios campos:

  • Accións para mellorar a concienciación, a formación e a colaboración entre os actores marítimo-pesqueiros.

  • Accións para reducir a cantidade de lixo mariño e mitigar a pesca fantasma.

  • Accións para mellorar as infraestruturas, os sistemas de recollida de residuos e a loxística dos portos.

As accións que están previstas dentro do proxecto da Confraría de Vigo son unha xornada de formación para os/as socios/as da confraría sobre a temática e problemática do lixo mariño, a edición de material divulgativo e xornadas de limpeza activas por parte dos pescadores, principalmente mariscadores a pé e navalleiros, como parte do seu traballo dirixido especificamente á retirada de lixo mariño e artes de pesca perdidas ou abandonadas.

O vindeiro 14 de outubro celebrarase a xornada de formación nas instalacións da Confraría de Pescadores de Vigo en horario de 16:30 a 20:30h. O día 16 de outubro realizarase a primeira xornada de limpeza coa participación dos mariscadores a pé na zona de Ríos e o día 23 de outubro continuaran os mergulladores coa limpeza de fondos na zona de A Manquiña.

Os profesionais terán que cuantificar e clasificar por tipoloxía o lixo recollido e unha vez pesado será depositado nos contedores habilitados pola Autoridade Portuaria do Porto de Vigo, entidade colaboradora do proxecto. Haberá máis xornadas de limpeza nos seguintes meses segundo un calendario de traballo elaborado pola confraría.

Estas accións son importantes tanto para o traballo dos profesionais do mar como para o futuro do ecosistema mariño, asi como para concienciar á cidadanía do problema e se responsabilice, porque o lixo é de todos e todos somos responsables.

Descargar Nota de Prensa 2020 10 05