COFRADÍA DE

PESCADORES

DE VIGO

Melloras no porto de Canido

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, está a investir máis de 50.000 euros na mellora do peirao de Canido, no municipio de Vigo. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita á zona para comprobar os traballos xa executados.

En concreto, as obras xa rematadas consistiron na reparación do pavimento da rampla de varada do porto, que presentaba diversas deficiencias. Os traballos consistiron na demolición do anterior pavimento e a cobertura nova en formigón vibrado de preto de 450 metros cadrados de rampla.

Unha vez executada esta actuación, o plan de melloras da Consellería do Mar para o peirao de Canido contempla tamén o reforzo da escollera de protección do dique de abrigo, que se está a tramitar xa polos técnicos do ente público. Este reforzo consistirá en colocar sobre as zonas erosionadas da escollera actual, novas pezas de escollera de peso igual ou superior a 4.000 quilos. Ademais, esta obra incluirá a repavimentación da zona interior do morro do dique mediante formigón vibrado e o encintado do paramento da rampla de varada.

Ambas actuacións, así como outras reparacións de menor envergadura que se atopan tamén en tramitación, darán resposta aos problemas detectados en diversas inspeccións rutinarias realizadas polo personal de Portos de Galicia, así como ás demandas trasladadas polos usuarios do porto de Canido.

Fonte: Consellería do Mar

  • /index.php/gl/comunicacion/novas/75-apronacion-das-axudas-da-deputacion-de-ponyevedra-as-confrarias-de-pescadores