COFRADÍA DE

PESCADORES

DE VIGO

Novas

Porto de Canido: Base da Pesca Local

Canido é porto base da pesca local, representada pola nosa confraría. O pasado mércores, 6 de febreiro de 2019, derrubouse a cuberta da lonxa, debido a causas que se están a peritar. Lamentamos o feito polo que supuxo de perdas materiais e o cese das actividades que alí se desenvolvían, mais aledámonos que non afectase directamente a persoas e agradecemos a eficaz e pronta reacción dos medios municipais.

O porto de Canido pertence ao sistema portuario galego, xestionado por Portos de Galicia. Nel atópase a lonxa, co uso cedido á nosa confraría. Unha vez descargadas as capturas do día, eran vendidas directamente ou transportadas ao porto de Vigo para a súa comercialización. Estaba dotada con sistema de pesada, rexistro informatizado e cámara frigorífica. Son varios os subsectores da pesca local que facían uso periódico desta instalación: artes menores, mergullo, marisqueo; así como compradores locais de peixe e marisco.

A confraría, por medio dos seus órganos reitores e dos seus traballadores, está a traballar para volver á normalidade canto antes. Ademais, quere promover un plan de reconstrución coordinado coas Administracións para dotar á pesca local dunha infraestrutura  moderna e duradeira que ofreza un espazo adaptado ás necesidades do traballo no mar. 

Descargar: Nota de prensa